Entrevista a Esperanza Gesteira | “A motivación é a tarefa que se esconde detrás da tecnoloxía”

150 150 somos_gingko

Esperanza Gesteira é profesora de matemáticas no CPI Manuel Suárez Marquier no Rosal, provincia de Pontevedra. Di que é “curiosa, moi curiosa” e que por iso non lle gusta explicar as matemáticas, senón que prefire deixar que as súas alumnas se fagan preguntas, experimenten e descubran a ciencia que a cativou dende moi nova. Cando viu o primeiro ordenador con conexión a Internet nun centro educativo, dentro da sala de profesores, pensou que tiña diante “unha ventá aberta ao mundo”, pero nunca imaxinou que, anos despois, deseñaría aplicacións para móbiles na aula e, menos aínda, que recibiría o Premio Nacional a la utilización de las TIC en la docencia, outorgado polo INTEF.

P: Que son as TIC para ti?
As TIC? Cambiar o xiz por calquera outra cousa. Sexa un portátil, unha cámara de fotos, unha tablet, unha web… calquera outra cousa. Aínda que o máis importante de todo isto son os contidos. As TIC, se non hai contido detrás, se non hai algo que sexa seleccionado e preparado para a clase, non teñen ningún sentido. Non tería sentido explicar o mesmo que eu explicaría co xiz hai 5 anos, chegar agora, poñelo nun PDF no encerado e pintar enriba. Á fin e ao cabo estou facendo a mesma clase de hai 5 anos pero ao mellor con máis luz, máis bonita, con máis cores rechamantes… nada máis, pero aí non hai cambio.

P: Que se pode facer coas TIC e as matemáticas nunha aula?
¡Buf! ¡Cantidade de cousas! É infinito! Por exemplo, podes ensinar conceptos matemáticos de velocidade, traballar con ecuacións, con xeometría ou con funcións dun xeito visual. En lugar de debuxar ti a función no encerado, dáslle ao alumno argumentos e material para que investigue, para que constrúa a función, para que chegue ás súas propias conclusións, para que a debuxe e a manipule. Unha gráfica debuxada no encerado non se pode manipular, só se pode copiar no caderno. E non hai 2 gráficas iguais pintadas. Ter software e acceso a aplicacións que te deixan escribir e debuxar as matemáticas, ver poliedros en 3D, movelos, ver as súas caras, desenvolvelos… Ou navegar por Google Earth e ver edificios con forma de prisma… Os nenos ven que a xeometría está aí, na vida, que as matemáticas existen e non son unha cousa abstracta que inventaron para amolarnos a vida con suspensos (ri). Moitos nenos pregúntanse quen as inventaría e para que serven, son preguntas que che fan continuamente. Pero sen as matemáticas non terías televisión, non acenderías a vitrocerámica cun dedo, non comprarías nada en Internet, non terías unha Play…

P: Cal é o segredo para motivar os alumnos? É doado?
Eu creo que si. Si, aínda que hai algúns que dá igual o que lles leves, non se motivan con nada. Non creo que as TIC sexan en si mesmas unha motivación. A motivación é a tarefa que se esconde detrás da tecnoloxía, porque podes facer unha actividade moi motivadora cunha libreta e unha cámara de fotos, sen máis. Pero tamén podes facer unha clase moi aburrida usando Internet. A tecnoloxía, se non a usas ben nin cunha metodoloxía diferente, non é por si mesma motivadora. É máis, é moi desesperante, porque fallan cousas, tes que ter un plan de opcións preparadas por se isto falla fago isto ou o outro, se esta ferramenta me dá problemas, pois utilizo esta outra… Tes que levar unha baralla moi ampla de posibilidades.

P: E que se aprende con actividades como App Inventor??
Mira,aprenden a tomar decisións e a deseñar, porque para facer a aplicación teñen que decidir que compoñentes poñen. Deben buscar algo creativo. Se vou realizar unha aplicación, primeiro penso que vou facer. Cando o propuxen por primeira vez, todos pensaron: “ben, faremos un xogo”. Por que? Pois mira as aplicacións que ten calquera rapaz no móbil: xogos, algunha para facer montaxes con fotos e outras para chatear e comunicarse con outros. Se algún está a un nivel “máis alto”, igual ten aplicacións para subir arquivos e para compartilos, se é que traballa con arquivos, pero a maioría non.

espegesteira_0092-copyP: Nunha conversa cun profesor, el falou de “náufragos dixitais”…
Estou de acordo, si. Collen un dispositivo calquera e tócano todo, deseguida aprenden como funcionan as cousas, pero iso non significa que logo lles pidas un traballo e se lles ocorra usar ese dispositivo para facelo. Usan os móbiles e as tabletas fundamentalmente para xogar e para comunicarse entre eles. É sorprendente que non saiban facer unha captura de pantalla, fálaslles dun .pdf e algúns aínda non saben o que é, ou que é a extensión dun arquivo, se poden usar o ñ ou non para nomear os arquivos… Cousas que son insignificantes pero que son importantes.

P: Ademais, coa tecnoloxía 2.0, debemos ser usuarios activos, que construímos contido e participamos na rede. É isto tamén a educación 2.0?
Pero aí hai un paso que aínda non demos. Case sempre, sobre todo cando rompeu a web 2.0, os blogs, as wikis é o profe quen as abre, o profe escribe para que os nenos poidan ler, e aínda que isto é un pasiño, aos nenos gústalles máis participar. En lugar de escribir o profe, é mellor que escriba eles, que sexan eles quen teñan que publicar, que aparezan como autores… Hai reticencias pola seguridade, porque de súpeto tes nomes de nenos en Internet. E iso ás veces dá un pouco de temor.

[…] É temor ao que está fóra de control, a algo que non se pode controlar. “E se o meu neno sobe unha foto, facendo non sei que? E se insulta un compañeiro e sobe ou escribe algo na rede que non debe?” Ese tipo de cousas son as que fan retroceder ou impiden que nos lancemos á piscina, pais eprofesores.

P: App Inventor, proxectos, o teu blog, a túa wiki… De onde sacas o tempo
Ben, a wiki xa ten o seu tempo, o blog tamén (ri) Fixena ao principio, cando empezou o da web 2.0. […] Abrín o blog, a wiki, rexistreime en Facebook, en Delicious, en tal… Debo estar por todos lados en Internet! […] Fun a Santiago a un encontro de Edublogs. Alí había pequenos obradoiros de 20 minutos ou así, onde che ensinaban a facer unha wiki. Fun ao taller e xa, eses 5 minutos déronme a solución para coller todo o que eu controlaba sobre matemáticas que tiña dispersos e facer o meu repositorio de enlaces e recursos para chegar a clase, abrir a wiki e dicir: ” Que necesitas ti, un boletín? Un boletín! Que necesitas ti, unha actividade para facer un test? E ti, un vídeo?” Aí tíñao todo. Clasifiqueino ao meu aire, aínda que son unha ferramenta colaboradora, e esa era a miña idea. Uniúseme xente e entón encontreime cun dilema: e se me cambian cousas? E se me eliminan algo que non quero perder? Como fago? Déixoos unirse ou non os deixo? E deixeinos unirse a todos. Aos dous primeiros mandeilles unha mensaxe para pedirlles que non eliminasen nada, que podían engadir pero que por favor non me quitasen nada. E xa non me fixo falta enviar máis mensaxes. A xente únese e aí están. De feito, un profe de Valencia, que me coñece porque traballa en Xeometría Dinámica, encontrouna e pensou que era unha ferramenta colaborativa. Agora somos cen e pico profes aí metidos. Claro, se iso fose entre todos, sería xenial! Pero ninguén engadiu nada. Todos eses usuarios simplemente se uníron para tela no botón de “As miñas wikis”.

P: Fáltanos cultura de participación?
Non o sei, eu non sei se se uniron coa intención de participar ou só por tela, ou non o fan por respecto. Eu uninme tamén a unha e só me atrevín a poñer unha actividade feita en geogebra. É máis, é respecto aos demais pero tamén é temor a que o teu non teña a calidade suficiente para estar aí. É un problema de autoestima, a min cústame. Coñezo profes que escriben unha entrada no blog coma se nada, e eu escribo unha entrada, repásoa, amplíoa, pénsoa, repénsoa… E logo cando a vexo ben, entón publícoa.

espegesteira_0054-copyPP: Sempre compartes o teu traballo, polo a disposición de todo o mundo. Es unha profe copyleft?
Non copio. Cando fago algo, si deixo que se descargue. Póñolle licenza Creative Commons a todos os materiais. Vin xente que a respecta e xente que non. Insistiuse moito niso hai anos, falouse moito sobre as licenzas e ese tema freou tamén a publicación de materiais. O desenvolvemento de plataformas nas que se poden manter os contidos de forma privada tamén contribuíu a que non se creen materiais orixinais: monto unha presentación, collo imaxes de Internet pero despois, en lugar de poñela no blog, pois póñoa nunha plataforma na que teño o meu curso que só ven os meus alumnos, así aforro o traballo de buscar fotos orixinais en tal sitio, poñendo os enlaces de onde os collín, facendo referencia ao texto onde encontrei a información…

Isto é importante porque sempre hai que citar as fontes e as referencias, é documentar a información que estás a achegar. Iso enriquece o contido e deixas que outros accedan ás fontes orixinais.

P: Di J. Adell que estamos na época dos bits, e que pensar en bits é rápido, barato e non se esgota, que o coñecemento é un dereito universal e que debemos educar na filosofía do software libre…
Baratos por que? Porque non hai que pagar? Iso é algo importante porque o tema dos libros dixitais, as licenzas das aplicacións… Por que hai que pagar para utilizar un contido cando o podes crear ti de forma gratuíta ou podes contribuír dalgún xeito a crear contido? Pero hai temor de que cho copien, de que o inclúan nun libro non se sabe onde… Iso creo que freou o auxe que tivo a web 2.0. O medo a que te copien, a que che collan as túas cousas. Só hai uns superviventes, xente que pasamos así como voando por todo iso, e dános igual. Eu vou seguir publicando.

P: Construír coñecemento… Ese é o obxectivo da educación, non?

Si, pero hai xente moi crítica co que fan os demais. Ao mellor non crean pero si son críticas co que crean os demais. E ás veces mancan. É o máis doado: consumir e ser crítico. Pero, e crear?