Así foi o noso 2018
http://gingko.gal/wp-content/uploads/2019/01/IMG_20181119_113757_916-e1546453896324-1024x684.jpg 1024 684 somos_gingko somos_gingko http://1.gravatar.com/avatar/7f715608adff0fcc46e33c631147f179?s=96&d=mm&r=gEn Gingko pechamos o 2018 e quixemos botar a vista atrás para avaliar o ano. Nese momento, decatámonos de que tivemos 12 meses tan bonitos que non podíamos deixar de compartilos.
Foi no 2018 cando rematamos a nosa participación en MediAfrica, dous anos de traballo con 15 organizacións europeas e africanas nun proxecto que buscaba construír narrativas positivas e deconstruír estereotipos ao redor de África e do voluntariado, tanto do que enviamos dende Europa como o que recibimos de países como Tanzania, Kenia, Uganda ou Togo. Ademais dun webdoc feito en colaboración con persoas non profesionais do audiovisual, que é tamén unha ferramenta de divulgación e información acerca dos proxectos de voluntariado, moito aprendemos nós dun traballo no que, en principio, íamos ser docentes de comunicación e participación social.
Isto mesmo pasounos cando, chegado o mes do outubro, achegámonos a Vedra para participar na nova versión do seu festival. Este ano naceu o LAV.mov, unha proposta cultural na que varios grupos tiveron que idear, gravar e editar unha curta en só 3 días. Máis aló de recoñecer a nosa vinculación emocional coa Asociación Senunpeso, estamos orgullosas de ter sido parte desta experiencia cun obradoiro de curtas e coa mentorización dos proxectos que se presentaron (todo un pracer acompañar o guión de Lucía Estévez, que foi a gañadora e que deixounos sen palabras tras a primeira lectura do seu guión)
As mulleres tiveron un rol protagonista no ano 2018 en xeral, pero no noso caso foi un eixo ao redor do cal construír narracións e de imaxinar o futuro. Ao longo destes meses, colaboramos con Fademga Galicia en varios proxectos; aínda levamos con nós a experiencia do Programa Muller, na que deseñamos a campaña audiovisual #NonQueroSerInvisible:
Dende aí, pódese saber máis sobre os temas da campaña a través destas 3 entrevistas, ou mesmo pódense escoitar as conversas entre as mulleres para afondar na realidade.
Outros traballos con Fademga fixéronnos abrir os ollos e reflexionar sobre a inclusión como reto compartido da sociedade, con historias sobre emprego, dereitos e xustiza, ou sobre a organización en se mesma. Nos vindeiros meses, poderemos compartir dúas historias sobre envellecemento e sobre grandes necesidades de apoio.
40 AniversarioFeliz 2019!Comeza un novo ano moi especial para nós, pois a nosa Federación cumple 40 anos de traballo polas persoas con discapacidade intelectual e as súas familias...Por un ano cheo de inclusión e novos retos!
Publicada por Fademga Plena inclusión Galicia en Lunes, 31 de diciembre de 2018
Ademais de traballar na visibilización e na reivindicación, tamén traballamos desde a participación activa e a creatividade. Para isto, Adaceco, FEAFES e a Asociación Doa abríronnos as súas portas para coñecer de preto o Vídeo Participativo, no marco do programa Máis Social da Fundación Barrié (hai un post sobre esta actividade que se pode ler aquí)
Non podemos esquecer que, antes das vacacións, tivemos a sorte de participar, un ano máis, nos talleres de book-trailers organizados pola Rede de Bibliotecas Escolares. A nosa viaxe levounos a Foz, Touro, Xinzo de Limia e Muros. E se as aulas de Primaria foron un espazo de lectura, creación e traballo en equipo, as aulas da Facultad de Ciencias da Educación en Pontevedra foron espazos de avaliación, de análise e de motivación. Alí, Carlos Valcárcel prestounos un par de sesións para compartir co alumnado os nosos procesos e as nosas ferramentas de traballo; entre elas, falamos do Kit de Activación Dixital, unha proposta que desenvolvemos para Coruña Dixital en colaboración con Cristina de la Torre e na que publicamos un mapeo de proxectos educativos en Galicia que traballan co audiovisual e coas narrativas dixitais, así como unha guía metodolóxica na que publicamos recursos, materiais e todo o que se poda precisar para traballalas na aula.
E así comezamos un novo ano: cada vez máis conscientes de que o noso traballo é unha experiencia que nos move a aprender, a compartir, a narrar e, sobre todo, a seguir facendo camiño na educación e na comunicación cara á xustiza social.
- Posted In:
- Uncategorized @gl