Vídeo participativo e competencia mediática

1024 683 somos_gingko

“Non debemos esquecer que o Vídeo Participativo (VP) non consiste en realizar documentais. Trátase de persoas que se coñecen, que teñen unha relación entre elas, e que queren compartir as súas propias historias”. Esta cita, pronunciada por un dos participantes no segundo Better PV Practice online Web Gathering deixoume pensando. Sempre me custa un pouco definir os límites entre o documental e o VP. A clave está na xerarquía ou na ausencia dela á hora de construír o discurso, o que define os contidos e o punto de vista.

No encontro virtual anteriormente citado, organizado por Insightshare, unhas 120 persoas de diferentes partes do mundo discutimos ao redor de tres grandes preguntas:

– Que é o VP?

– Para que serve o VP?<

– Cara a onde avanza o VP?

O debate alongouse durante unhas horas (podedes seguir un resumo das conclusións neste link), aínda que para min hai dous retos evidentes: a necesidade definir un marco metodolóxico (que é o que imos tratar de conseguir con estes encontros) e como medir (cuantitativamente) o impacto do VP, algo necesario para encontrar financiamento para este tipo de proxectos. Onde si hai acordo é en definir o VP como “unha ferramenta para o cambio social: unha ferramenta para a democratización, a emancipación, para confrontar con relacións de poder existentes”. Igualmente, foi descrito como unha “ferramenta de sensibilización e denuncia que fomenta a alfabetización dixital, a confianza e o pensamento crítico”.

Pasemos á parte práctica. En xullo tivo lugar o segundo encontro, onde coñecemos diferentes experiencias que se están a realizar co VP na India. Por exemplo, está o traballo de Digital Green, unha organización que busca fomentar a agricultura sostible compartindo coñecementos e experiencias en diferentes estados da India. Estes traballos conseguiron miles de visitas e son os propios campesiños quen gravan e editan os los vídeos Nesta mesma liña de traballo, a da loita pola soberanía alimentaria, o proxecto Excluded Voices pretende influír nas regulacións internacionais (policy making) dando voz e cámara a campesiños da India, Perú, Bolivia, Mali ou Irán. A través do VP, puideron comprobar que a loita de cada pobo, de cada aldea, é tamén unha loita global. Por último, coñecemos a Vasuki Belavadi, un profesor que, ademais de formar axentes sociais e capacitalos para a creación de vídeo, coordina o proxecto CAMP (Children As Media Producers), que pretende dar voz a nenos e adolescentes de barrios marxinais no estado de Andhra Pradesh.

Este último proxecto, recórdanos que educación e desenvolvemento van da man, sempre é necesario un para que aconteza o outro. Neste sentido, é interesante reflexionar sobre o termo “multilliteracies” (multialfabetización), que fai referencia á habilidade para ler e entender as mensaxes multimedia procedentes de diversas fontes de información e, o que é máis importante, á capacidade para converterse en produtores de novos contidos a partir do aprendido. Estamos a falar de comunicar, de aprender a aprender, do tratamento da información e da competencia dixital, da interacción co mundo físico, de integrarnos e participar na sociedade (se tiramos de terminoloxía oficial, aquí están a maioría das oito competencias básicas). Estamos a falar de algo que, lonxe de ser unha novidade, xa foi apuntado por Freinet co seu xornalismo escolar como ferramenta para unha aprendizaxe activa (aprender facendo e cooperando). Trátase de converter a aprendizaxe nun proceso participativo, para conseguir alumnas e alumnos “activos, críticos e pensantes”, de acordo coa pedagoxía crítica de Paulo Freire.

Ao VP aínda lle queda moito camiño por percorrer, pero conta xa cunha comunidade de facilitadores coordinando talleres en todo o mundo. As preguntas antes formuladas sérvenlle como punto de partida a unha experiencia colectiva aberta, en constante transformación, onde aprender facendo, creando e participando. Manterémosvos informadas de como avanza o traballo en futuros posts e, por suposto, estades todas invitadas ao próximo encontro.

Leave a Reply

Your email address will not be published.