7 aprendizaxes que nos levamos de MediAfrica

1000 649 somos_gingko

O próximo mes de outubro iremos a Hungría, onde nos reuniremos para avaliar e pensar os próximos pasos ao redor de Mediafrica, un proxecto no que traballamos con 15 organizacións africanas e europeas. Aproveitando este encontro, decidimos reflexionar sobre o impacto que este traballo tivo para nós. Porque tanto as formacións que facilitamos como a realización de varios vídeos para o proxecto achegáronnos unha serie de aprendizaxes moi valiosas.

O proxecto coordínao Solidarités Jeunesses e nel participan organizacións vinculadas ao Servizo de Voluntariado Internacional (IVS). Un dos obxectivos principais de MediAfrica é fomentar o voluntariado en países africanos, pero falamos dun voluntariado libre de estereotipos, afastado do voluntourism e de roles como o ilustrado por Barbie Savior. Por iso, o proxecto incluía un itinerario formativo para as organizacións, coa finalidade de darlles habilidades e estratexias coas comunicar o seu traballo e coas que explicar o rol do voluntariado nelas.

Este itinerario levounos a Francia, Tanzania e Uganda, e foi coordinado por un equipo de 4 profesionais, o cal foi un gran reto. E isto débese a que tivemos que unificar criterios e visións, modelos pedagóxicos e formas de traballo. E todo isto, nun contexto intercultural onde os recursos e as necesidades de cada organización son diferentes. Estamos contentas de conseguilo con éxito (iso din as respostas ás enquisas dos participantes), e tamén estamos contentas porque nos traemos metodoloxías e técnicas que xa adaptamos ao noso contexto en Galicia. E aquí está a primeira aprendizaxe [1].

Outro obxectivo de MediAfrica é a sensibilización. Un informe realizado polo CIVS sinala que o número de persoas voluntarias en países africanos decreceu en favor doutros continentes, e isto está intimamente relacionado coa imaxe de África na sociedade europea. De feito, cando volvemos de Uganda, houbo quen nos preguntou: “Vides de África? E como fixestes coas guerras?” África é o lugar das guerras, o nenos soldado, a fame, as epidemias… nos medios a nas película. E quen se atreve a viaxar alí constrúen narrativas edulcoradas, co “o salvador branco” como protagonista e moi afastadas da realidade. Porén, tanto os medios de comunicación como os nosos perfís en redes sociais contrúen a imaxe de África como un lugar perigoso e exótico, onde a nosa viaxe é aventura, romanticismo e caridade.

En MediAfrica traballamos para desmontar estas imaxes cunha campaña de comunicación, cuxa principal ferramenta é un webdoc: Round Trip Volunteering. Este webdoc componse de pezas elaboradas polas organizacións participantes e de pezas elaboradas por profesionais, algunhas delas por nós mesmas. Varias das aprendizaxes das que fala este post gañámolos neste proceso de produción:

  • Os estereotipos van nos dous sentidos [2]. Fixemos un exercicio en grupos: alguén facía un debuxo e o resto tentabamos adiviñar a palabra que ilustraba. Iddi, de Zaveco, en Zanzíbar, debuxou unha persoa con aletas e lentes de mergullar: “mergullador, nadar, mar, vida mariña…”, dixemos o resto do grupo. Pero a palabra era “europeo”. Aprendizaxe intercultural, chamariamos a isto. En Zanzíbar, as únicas persoas con lentes de mergullar e aletas son as europeas, e non verás ás locais con elas. En Zanzíbar, “europeo” é igual a turista. Turista ben equipado. Uns meses antes, paseando por París con Ben, de Tanzania, comentounos que a primeira vez que estivo en Europa sorprendeulle ver esmoleiros nas rúas. “Esmoleiros? En Europa? Non mo creo…”, dixéronlle os seus amigos á volta. E así construímos estereotipos, que son estratexias culturais para integrar o diferente, o descoñecido na nosa realidade. E, como diciamos, van nos dous sentidos.
  • De onde proveñen as voluntarias e os voluntarios que traballan en África? Por exemplo, quen colabora con UPA (Uganda Pioneers Association)? Finlandia? Alemaña? Pois non, proveñen de Uganda, obviamente. Como en calquera outra organización, a maior parte do voluntariado e do equipo é persoal local. E se non, algo non funciona, porque o contrario ten un forte toque colonialista. E isto, que é algo obvio, recoñecemos que nos sorprendeu velo tan claramente [3]. Igualmente, coñecer a historia de Uvikiuta e pasear con Hoyse mentres nos contaba como construíron a súa eco-vila ensinounos que temos moito aprender sobre a vida asociativa. Tamén coñecemos a escola comunitaria de Kikooba, un proxecto educativo asembleario e autoxestionado, no que só se aceptan voluntariado cando hai unha necesidade concreta, e só para cubrir esa necesidade. Un proxecto dos que agora se chaman de economía circular, pero creado desde a honestidade e as necesidades comunitarias. Aquí vimos un voluntariado completamente alleo dos modelos colonialistas e caritativos [4]. Unha mistura de voluntariado local e internacional que apoia ás demandas comunitarias.
  • Tamén aprendemos que o voluntariado se move en todas as direccións [5]. Porque o voluntariado trata sobre interculturalidade e cooperación. Por iso Frank, de Tanzania, fai voluntariado agora en Francia. Ou por iso organízase cada ano a “ Caravan Peace”, que pasa por Kenya, Uganda e Tanzania movendo xuntas a voluntarias de Kenya, España, Xapón… E escoitándoas, fascinounos comprobar como a pesar da distancia, a pesar de pertencer a diferentes culturas, os voluntarios e as voluntarias comparten os mesmos medos [6]. Henry, un togolés en Bélxica, quere mostrar a imaxe dun togolés activo, que colabora con Astovot para mellorar o que non lle gusta da realidade. E Julia non quere que a confundan coa imaxe do “europeo branco colonizador”. Ninguén quere responder os estereotipos negativos e o voluntariado internacional traballa para deixar imaxes diferentes sexa onde sexa o país onde traballa.

Porque a nosa visión do mundo constrúese a partir das imaxes que nos chegan daquilo que non coñecemos. Por iso é importante repensar estas imaxes e construír novas narrativas, con protagonistas diversos e escenarios reais, porque se non, corremos o perigo de quedarnos cunha historia única [7]. E porque a realidade é moito máis rica e complexa do que poden mostrar unha pantalla ou unhas liñas de texto. Participar nun programa de voluntariado internacional é unha estratexia perfecta para derrubar estes estereotipos, para ser un axente activo de cambio e para apoiar iniciativas que, desde o local, cambian a realidade global.