Vídeo Participativo: novos pasos para re-imaxinar a ferramenta

800 449 somos_gingko

Este ano participamos en Más Social, un programa desenvolvido pola Fundación Barrié de la Maza. Desde Gingko, achegamos unha formación en Vídeo Participativo (VP), coa finalidade de formar ao persoal técnico das organizacións sociais nesta metodoloxía de traballo.

E por que formar a outras persoas se xa podemos facelo nós? Ao longo dos últimos anos, dinamizamos actividades de VP con grupos moi diversos e en contextos de todo tipo. Até o momento, o colectivo co que traballamos sempre nos devolve unha avaliación motivadora, lémbrannos como un mesmo grupo de persoas pode traballar xuntas, poden dialogar e buscar o consenso, poden pór en valor os seus recursos e poden contarse a si mesmas.

Pero que ocorre cando nos marchamos? Pois que a actividade tamén se acaba. E isto sempre nos quedaba pendente: temos un grupo cohesionado, que xa se coñece, que sabe utilizar as diferentes ferramentas e que quere seguir traballando… Pero non hai quen poida seguir acompañando este proceso.

Garantir a sustentabilidade destes proxectos é a nosa primeira motivación, por iso propuxemos á Fundación Barrié de la Maza realizar unha formación en VP para o persoal técnico das organizacións. Para iso, seleccionaron a dúas entidades das que participaran nas anteriores fases de Más Social; é importante que, antes de facilitar un proceso de VP, as persoas que o van dinamizar teñan coñecementos sobre Comunicación Audiovisual, para evitar que os problemas técnicos e/ou tecnolóxicos dificulten o proceso de participación.

Como o fixemos? Realizamos unha serie de sesións que incluían un proceso de VP de principio a fin: desde a idea até o visionado en colectivo. Durante estas sesións, estivemos acompañadas por aquelas persoas que se encargarían de facilitar a actividade unha vez que en Gingko xa terminásemos.

As organizacións que participaron foron Adaceco (Asociación de Dano Cerebral Adquirido), na Coruña, e FEAFES (Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental), desde a Asociación Doa. As facilitadoras foron Lucía, Elena, Ana, Araceli e Marisa. E de aquí sacamos unha primeira conclusión: son todas mulleres. Quen se dedican aos coidados das persoas en risco de exclusión social son mulleres na súa maioría. Terapeutas, psicólogas e unha xornalista aceptaron o desafío de coñecer mellor esta metodoloxía para poder aplicala despois no seu día a día nas entidades. As futuras facilitadoras de VP en Adaceco e en FEAFES son mulleres, e elas serán as encargadas de re-imaxinar esta ferramenta e adaptala a contextos diferentes, con obxectivos propios, lanzando accións innovadoras polo cambio social.

En segundo lugar, todas aprendemos a coñecer mellor o colectivo co que traballamos. Estas facilitadoras escribiron sobre o seu descubrimento do grupo e deixaron frases como “son capaces de absolutamente todo. Persoas que nin sequera teñen un móbil, fixeron cousas incribles!” (Elena, de Adaceco); cando lles pedimos que avaliasen a experiencia, dixeron que “fixo, á súa vez, que eu os coñeza un pouco máis e demostrar que SI é posible!” (Lucía, de Adaceco)
Eu estou encantada, encántame todo o que xera e como o consegue”, dixo Araceli no noso grupo de whatsapp. Nos dous grupos, coincidiron en que foi unha sorpresa ver como persoas con enfermidades mentais e con dano cerebral adquirido púñanse a traballar en equipo, sen mirar o reloxo, cunha entrega e unha implicación inesperadas. Marisa escribe sobre o grupo que traballou “mostrando tantas ganas, ilusión, talento e saber facer que o resultado está a ser extraordinario, sacando a mellor versión posible de todos nós“.

Outra conclusión que sacamos é que o VP ten moita forza, tanta que para Araceli “é revelador vivir unha nova experiencia de convivencia coma esta. Aquí estamos, máis de 10 persoas traballando nun mesmo proxecto. E emocióname ver como nos complementamos, seguir coñecendo e descubrindo cousas delas, ser eu a que aprendo tamén de cada unha, rirnos sen parar, sorprendernos a nós mesmas coa calidade dos primeiros resultados??
Ana regalounos esta valoración: “o noso primeiro contacto co vídeo participativo foi, sen dúbida, toda unha experiencia de descubrimento e aprendizaxe” E é que o VP sempre foi difícil de explicar; con todo, estas facilitadoras vivírono e agora poden contalo como nós nunca soubemos facelo: “iniciativas deste tipo, permiten vencer o estigma […], mostrando as moitas capacidades que unha persoa posúe” (Marisa)

Grazas, compañeiras, por deixarnos aprender convosco. Agora, só esperamos que chegue o momento en que nos devolvades a ferramenta re-pensada, re-imaxinada, coidada, forte e en constante movemento.