Obradoiro deseñado para o Departamento de Orientación e desenvolvido durante o horario lectivo, contando coa colaboración do profesorado de Lingua Galega e de Educación Plástica. Ao longo de 3 sesións, combinamos a alfabetización mediática con perspectiva de xénero co proceso de creación dun produto audiovisual. Os obxectivos xerais desta actividade son:
- Traballar a lectura crítica de medios e aprender a recoñecer manifestacións sexistas, recursos para a construción da identidade de xénero e a difusión de estereotipos.
- Desenvolver competencias de traballo en equipo, como o diálogo, a toma de decisións colectivas ou a corresponsabilidade, poñendo o foco nos roles de xénero e a súa influencia nas dinámicas grupais.
- Coñecer a linguaxe audiovisual e os seus recursos narrativos, así como a súa influencia no imaxinario socio-cultural.
- Descubrir e explorar formatos narrativos que favorecen a creatividade e a experimentación como ferramentas de aprendizaxe.
Este obradoiro inclúe accións de avaliación participativa, tanto da actividade global como das diferentes fases do proceso, a través de ferramentas para a análise de resultados e dos roles desempeñados polo grupo dende a perspectiva de xénero.