
O kit de activación dixital é un espazo web que recolle experiencias, retos e recursos cos que poder expandir novas prácticas culturais e activistas a través da creación e a innovación audiovisual, especialmente nas aulas de centros educativos e nos espazos socioculturais de proximidade.
O Kit de activación dixital nace en Coruña Dixital, programa da área de Culturas e Coñecementos do Concello da Coruña, co obxectivo de ser unha guía na que poñer en común experiencias xa desenvolvidas, pero tamén os recursos cos que levar a cabo novas prácticas culturais, activistas ou educativas a través da creación e a innovación audiovisual e dixital, así como visibilizar ás profesionais que realizan este traballo en Galicia.
A intención é achegarlle a docentes, traballadoras de bibliotecas, centros culturais, servizos sociais, activistas, etc. as ferramentas necesarias para desenvolver proxectos educativos, divulgativos, culturais ou sociais, onde a creación audiovisual e as narrativas dixitais sexan o eixo do traballo e da aprendizaxe. O traballo foi coordinado por Sergio Lago e realizado por Gingko e La Mujer Forzuda, está centralizado nun espazo web de manexo sinxelo para calquera usuaria e cunha guía descargable en formato .pdf