“O importante é ter claro onde imos, os contidos están no medio” | O CEIP A Rúa, ganador do Premio á Alfabetización Audiovisual 2014.

150 150 somos_gingko

No CEIP A Rúa, catro profesoras amósannos orgullosas un mural no que vemos cámaras, micrófonos e a fábrica Massó. Massó Hermanos S.A. empregou a unhas dúas mil persoas en Cangas do Morrazo (Pontevedra) entre 1955 e 1985; agora é un edificio abandonado onde aínda viven historias de baleas, cancións e recordos da época dourada das conserveiras na ría. O grupo de 6º de Primaria quixo falar sobre o patrimonio inmaterial do seu pobo, gravaron un documental e gañaron o Premio á Alfabetización Audiovisual do ICAA

“Nós propuxemos outro tema, o Carpinteiro de Ribeira, pero chegando ao CGAI, o equipo de Cinema en curs (Cine en curso) preguntou aos nenos se coñecían oficios na súa zona e comezaron a falar de Massó. Eu mirei para as miñas compañeiras e díxenlles: hai que cambiar de tema. O tema é Massó”. Isto explícanolo Ana M. Fernández, unha das profesoras que participou no programa Cinema en curs (Cine en curso), enmarcado dentro do Plan Proxecta da Xunta de Galicia. Rosana Rúa, a directora do centro, conta como a xente de A bao o qu “marabillounos pola súa calidade humana e profesional, saben moi ben do que falan e saben transmitilo moi ben. Sentímonos moi acompañadas en todo momento, cóntanche todo tan claro que pensas: ‘isto facémolo enseguida, sen problema!’ Elas téñeno moi estruturado, levan moitos anos con isto, son unha xente encantadora e moi motivadora”. Aínda que xa antes disto, o CEIP A Rúa comezara a traballar co cine a través de Cineando ilusións:

– Ana M. Fernández: Todo empezou fai dous cursos, en atención educativa, proxectabamos unha serie de filmes que podían servir como medio para desenvolver o currículum. A cuestión era visionar as películas cunha finalidade educativa. Por exemplo, vimos A vida é bela; tiñamos un pai, profesor da Universidade, que nos fixo un mapa conceptual en Internet, cunha ferramenta moi dinámica, sobre a Segunda Guerra Mundial. Fixemos o visionado e logo tivemos actividades, como debates e comentarios sobre o filme e sobre a exposición que fixo ese pai. A raíz de aí tiñamos unha inquietude…

– Rosana Rúa: Sempre temos un tema núcleo, que é o nexo de unión para as distintas actividades transversais que se realizan nos distintos cursos. Entón, apeteceunos coller este tema: o cine. O cine pódese traballar de moitas formas distintas, a nosa idea era traballar o cine clásico con propostas didácticas e pedagóxicas. Buscábamos educar a mirada, que nos queren transmitir cunha música, un plano, unha imaxe… Saber ler o cine e a imaxe.

Pregunta: O obxectivo principal do proxecto é mellorar a competencia mediática do alumnado e das profes…

– R.R.: Si, porque viven rodeados de pantallas, de imaxes, de información… É moi complicado que eles saiban que información é relevante, cal non é…

– A.M.F.: Cal é a manipulada…

– R.R.: Nós pensamos que a nosa responsabilidade na escola é educar o sentido crítico ante ese bombardeo de información que lles chega.

A.M.F.: E tamén é un medio de expresión. Require dunha linguaxe específica que hai que traballar, e que se non a traballas pode dominarte a ti. Se ti non controlas por que se utiliza ese plano, que sensacións produce en min, entón pódenche manipular.

P: E como casa todo isto coas esixencias do currículum educativo?

– R.R.: Nós traballamos por proxectos, o currículum trabállase con diferentes metodoloxías, non é un libro de texto que segues tema a tema.

– A.M.F.: Isto é incompatible co libro de texto.

– R.R.: Traballas o currículum a través dos proxectos. Para nós todos forman parte do que estamos traballando na aula, non é un traballo a maiores. É moito máis traballo que se o facemos doutra forma, pero a nós parécenos máis enriquecedor para os nenos e para o mundo que lles toca vivir fora da escola.

– A.M.F.: É unha ferramenta moi potente para traballar a autonomía, a xestión da aprendizaxe… O libro de texto é un instrumento que podes utilizar de cando en vez, pero que non lles da autonomía, nin capacidade de decidir, non busca o consenso nin a investigación… Todo esta moi limitado, son preguntas e respostas pechadas. Ademais, se un profesor limita a súa dinámica de aula a un libro de texto, está perdendo autonomía como profesional e nós tamén temos que buscar a autonomía, elaborar os nosos obxectivos pedagóxicos. O importante é ter claro onde vamos, e os contidos son no medio.

P: Como se avalían estes proxectos?

A.M.F.: Pois avalías en función do nivel competencial. No traballo de grupo, avalías se o grupo chega ao consenso, se aproveita o tempo, se len a información ou simplemente copian e pegan…

– R.R.: Despois disto, hai unha exposición diante de toda a clase, aí tamén avalías. Tamén hai probas escritas e orais. Vas a traballar igual os contidos, e vas a valorar tamén competencias que non podes avaliar cun simple exame. Nun exame valoras o coñecemento memorístico momentáneo, porque iso despois o esquecen. Desta forma, conséguese que a aprendizaxe sexa significativa para os nenos e o que aprenden formará parte da súa bagaxe de coñecemento. Sempre que se enfronta o traballo por proxectos ao libro de texto, eu penso que todos son recursos, trátase de darlle sentido a todo o que facemos e que sexa beneficioso para os nenos.

– A.M.F.: Por exemplo, se nun libro de texto fálase da entrevista, a actividade será facer unha entrevista a alguén, non sei, a un bombeiro. Pero iso está descontextualizado. Nós preparamos as entrevistas para a xente que traballou na Massó, iso está enmarcado nun contexto significativo e motivador, responde a unha necesidade.

a-rua-profes

Ana M. Fernández, Rosana Rúa, Rosa M. Iglesias y Montserrat Sotelo.

P: Como vos organizades as catro para traballar nun mesmo proxecto?

– R.R.: Unha das características de Cinema en curs (Cine en curso) é que todos fan todo; nós, como profes, seguimos o mesmo lema. Todas fixemos de todo, todas estamos igualmente involucradas. Os rapaces fixeron todo o proceso, nós estábamos de guía. Eles fixeron dende a documentación inicial ata buscar as persoas para entrevistar, desenvolveron as conversas coas persoas, agradecéronlles a súa participación e o seu testemuño. A maioría eran persoas maiores e foi interesante ese encontro entre distintas xeracións. Cada un dos nenos foi cámara, sonidista, director… Todos ocuparon todos os postos.

– A.M.F.: Ademais, unha das partes máis difíciles do proxecto foi seleccionar os planos que ían a formar parte do documental. Todos foron directores e polo tanto tiñan que renunciar a planos que gravaron, tiveron a xenerosidade de dicir: “Non, o meu plano non, é mellor que escollamos este ou este outro”. Todas as decisións eran por consenso, non por maioría; iso foi interesantísimo a nivel pedagóxico.

– R.R.: Foi duro porque o consenso non se traballa habitualmente, están acostumados a votar e a decidir por maioría. Pero isto é un traballo conxunto, polo tanto todas as decisións son por consenso.

– A.M.F.: Tiveron a sensibilidade de seleccionar segmentos que emocionalmente son moi potentes, como o momento da asistenta social ou cando cantan as señoras. Eu recordo que, nese momento, estábamos a rir porque eran simpatiquísimas é, á vez, chorando porque elas emocionábanse, querían marchar da fábrica cando entraron.

– R.R.: Dende que pechou a fábrica non volveron a entrar, e cando viron como estaba, foi un impacto emocional tremendo.

– A.M.F.: Foi algo máxico, que supoño que pasará en todas as películas. Ti, como as ves a cachiños, non ves o resultado ata o final de todo o proceso. Para nós foi unha grata sorpresa. Esperábamos deles, pero quedamos emocionadas. Cada vez que vemos o documental rimos e choramos.

– R.R.: A nós interésanos moito o tema das emocións. Trabállanse moi pouco, xa nos custa moito falar delas cos adultos, e cos nenos moito máis. E escolleron o tema de Massó, que en Cangas levanta moita polémica, porque é unha fábrica na que estivo implicado practicamente todo o pobo, persoalmente ou a través de familiares. Nós pensamos: “E que imos contar?” Porque hai un montón de documentais sobre Massó, todo o mundo ten a súa idea e a súa experiencia. Que non contou aínda ninguén? Eles dixeron que querían recoller as emocións da xente. Nós pensamos que era moi difícil transmitir as emocións da xente a través da imaxe, sendo tan pequenos. Pero cando ves o documental, realmente están alí, si que o conseguiron.

– A.M.F.: E tivemos a sorte de que era un grupo de alumnos magnífico, moi maduros, moi creativos, moi entusiastas…

– R.R.: Houbo unha sinerxía moi bonita, déronse moitas circunstancias que engrandeceron o proxecto e que a nós aportounos moito persoal e profesionalmente.

P: Que papel xogou a xente do pobo en todo isto?

– R.R.: Os nenos preguntaron se non había algunha imaxe ou vídeo do despedazamento das baleas. No Museo de Bueu colaboraron e cederon parte do seu fondo documental, onde había fotos, e deixáronnos un anaco dun reportaxe do Nodo onde aparecía a cadea de traballo da fábrica. Despois os nenos contactaron coa súa familia e estas persoas falaban con outras que tamén traballaron alí. Queríamos entrar na fábrica, que está pechada e non se pode entrar. Foimos a pedir permiso e o concello abriunos as portas, mandou a Protección Civil porque o edificio está en ruínas, regalounos un libro sobre baleas…

– A.M.F.: Tamén a Acepa de Cangas deixounos fotos.

– R.R.: Acompañounos tamén un ex-profe que fixo unha visita guiada na Massó.

– A.M.F.: E o día da estrea había moitísima xente, tíñamos todos os traballos expostos, e todo era moi familiar, moi entrañable. Os nenos fixéronllo fenomenal.

P: Este proxecto ten moitos cómplices…

– A.M.F.: Si, tivo moita repercusión. E non deixa de medrar.

– R.R.: Aínda o outro día recibimos un libro sobre pedagoxía do cine, cunha nota: “Parabéns polo premio. Isto non é ningún compromiso para vos”. O remitente era un membro da Filmoteca de León a quen gustoulle moito o proxecto. Estamos tendo moitos contactos moi chulos para seguir traballando.

– A.M.F.: E ademais non queremos deixar o cine. Xa estamos noutra.

– R.R.: Imos facer un documental sobre a migración en Cangas

P: Que fai falta para facer un proxecto coma este?

– A.M.F.: Ganas e ilusión. “Cineando ilusións” é o título que lle puxeron os nenos, porque hai momentos duros, de agobio…

– R.R.: Hai momentos que non sabes a que atender, pero todo sácase se tes ganas.

– A.M.F.: Foron moitas horas non só na escola, senón fóra da escola tamén.

– R.R.: Claro, a coordinación foi toda fóra da escola. Tres das profesoras que estamos aí somos membros do equipo directivo, non temos tempo para facer moito. Entón quedábamos fóra, nunha cafetería ou na casa, onde sexa, e conseguimos sacalo.

E velaí o resultado, un documental sobre a historia de Cangas contada dende as emocións e o traballo colaborativo.

Leave a Reply

Your email address will not be published.