Cancasete: a memoria dun pobo (retrato de Cans)

150 150 somos_gingko

Facer un retrato. Coma quen pinta un rostro, quen describe un lugar, quen debuxa unha paisaxe. Ese foi o obxectivo do noso último traballo documental, que leva por nome Cancasete.

Cancasete é un proxecto multidisciplinar, un proxecto participativo e lúdico-festivo integrado no festival de Cans, un dos eventos culturais máis transgresores e auténticos que existen. A proposta era sinxela: retratar a memoria do pobo a partir das cintas de casete que había nas súas casas. Para isto, servímonos dun Tumbler, un documental e unha pinchada, como non, das cintas que atoparamos.

Para comezar o traballo contabamos cun veciño, Javi Campo, que nos guiou casa por casa tras os tesouros agochados en faiados, en caixas de galletas e en caixóns de xastre. E destes tesouros tanxibles xurdiron outros intanxibles: as historias que pouco a pouco foron recordando os seus protagonistas, Fernando, Javier, Suso, Giráldez, Merchi, Rafa, Paz e Marisol.

Historias que falaban de como a emigración se convertiu no vehículo a través do cal os reprodutores de música chegaban a esta vila de Pontevedra. Historias dunha lingua prohibida que cada vez se facía escoitar máis alto. Historias de amores e tamén historias de amizade, como a que levou aos membros da “Peña Os do Viño” a rexistrar as súas cancións, atopalas e escoitalas 20 anos despois. Ah! E como non, os primeiros pasos da “piratería”, coa gravación de cintas que nos acompañaban nos nosos traxectos en coche e que, por suposto, ían acabar coa música.

Andres do Barro, Os Tamara, Ennio Morricone, Sabela, Camilo Sesto, Aerolíneas Federales… Cancasete fálanos da popularización dos gustos musicais e do amor pola música, polos bos momentos. Como aqueles que creaban Os Catro Ventos, a formación de ghaiteiros que hai 30 anos percorreron a rexión tocando en cada festa, en cada foliada, e que atopamos por casualidade na casa dunha das fillas do seu fundador. Pero iso xa é outra historia, mellor, deixámolo para o próximo documental.